martes, 27 de abril de 2010

Seguen os movementos entorno ao concurso eólico

Estes días están a chegar novas de moitas bandas con respecto ao concurso eólico que licita máis de 2.300 mW.

Unha vez publicado o concurso, a actividade nas empresas que optan a ser concesionarias dos megavatios debería ser frenética. Pola contra, o que parece é que non vai ter tantas noivas coma o anterior concurso da Xunta do bipartito.

O porqué desta situación podémolo atopar nos movementos do Ministerio de Industria que leva uns días lanzando misivas para alertar ao sector sobre a rebaixa de primas, e a reestruturación do mercado eléctrico.
E ben sabido que con incerteza lexislativa e económica, os inversores non poden ver atractivo o vento galego.

De tódolos xeitos si hai empresas que van apostar por facerse con cupo dentro desta convocatoria, é o caso de Banco Pastor, que acaba de montar tres novas sociedades eólicas “Pastor Privada Eólica 1, 2 e 3”. O obxectivo destas sociedades é o de formar parte do concurso, non sabemos se en solitario, ou en compaña de Gas Natural, Ventogenera ou Alen Ingeniería. Tal e como fixeran na convocatoria do bipartito.

Desta nova faise unha pormenorizada análise en Xornal.

De tódolos xeitos a incerteza do marco económico vai ser decisiva para o éxito da convocatoria, se comparamos o que se cobra en España con respecto ao resto da UE, pola produción eólica, veremos que somos un dos países onde as primas son máis baratas, xunto con Portugal.


Onte mesmo facíase un moi bo análise do tema en El Correo Gallego.


Agardemos que a política do ministerio sexa o suficientemente responsable para non levar á bancarrota un sector que xa está seriamente tocado.


lunes, 12 de abril de 2010

De timos, fotovoltaica, primas e primos

Sae onte na prensa unha nova incrible “HUERTOS SOLARES QUE PRODUCEN POR LA NOCHE”.
Dende logo o titular no é máis que para chamar a atención do lector. Dentro do artigo desgranase un asunto de moito interese.

Resulta que unha serie de desaprensivos, segundo fontes do Ministerio de Industria, conecta xeradores de gasóleo ás súas instalacións fotovoltaicas para vender a enerxía á rede, sempre cobrando a prima correspondente.

Os datos que se dan nas novas son de escándalo. 4.500 MWh foron producidos por hortas solares entre as 00:00 horas e as 7:00 horas, máis outros 1.500 MWh entre as 19:00 e as 23:00 horas. O obxectivo non é outro que cobrar os 436 €/MW que de media se pagou a esta tecnoloxía no ano 2009.

Segundo a Comisión Nacional da Enerxía , “Isto é so a punta do Iceberg”, expresión que se apoia no alto porcentaxe de inspeccións que no ano pasado, esta entidade pública adicou ao sector fotovoltaico. De feito de 3.154 inspeccións totais, 2.019 corresponderon a este sector das renovables.
A Asociación da Industria Fotovoltaica (ASIF), saíu ao paso desta información para pedir rigor e xustiza contra esta serie de desaprensivos. Outro tipo de asociacións como a APPA, tamén se pronunciaron na mesma liña.


Vista a nova, e vistos os datos, convén facer unha serie de reflexións:
  • Segundo os datos do ministerio o fraude é de 6.000 Mwh, nun período de 11 horas, o que da un resultado de potencia instala de 1,5 MW, é dicir, que practicamente foi unha sola horta a que cometeu o fraude.
  • Que empresario é tan lelo que deica o xerador de gasóleo toda a noite acendido?. De feito os contadores bidireccionais que se instalan nestas hortas, almacenan series de datos que devolven, ben a traveso do display, ou ben por telexestión. No é moi intelixente deixar o xerador acendido cando sabes que se vai enterar todo o mundo.
  • As inspección que levou a cabo a CNE, tiñan por obxecto detectar os fraudes que se produciron por unha mala disposición do RD 436/2007. Por tanto non ten moito sentido facer referencia á “puntas de iceberg”, cando se fala de fraude nas instalacións.. De feito, foi o propio sector que pediu que se levasen a cabo estas inspeccións, para desterrar do mesmo a especulación do chan.
  • É curioso que coincida esta nova, cos rumores que apuntan cara a baixada das primas á produción con enerxía fotovoltaica. Máis ben parece un xeito de estender cortinas de fume que, unha vez máis van a destruír un sector das renovables.

Todo isto non é máis ca outro golpe de timón do goberno central, para levar a auga cara o muíño das grandes eléctricas, e de paso eliminar o problema de ter que seguir dando primas a unha enerxía limpa.
A enerxía fotovoltaica é unha oportunidade de socializar a produción de electricidade, de diversificar a produción e de crear redes de distribución descentralizadas.
Neste momento, estamos ante un punto de madureza tecnolóxica, que fai que esta tecnoloxía sexa un pouco máis competitiva, pero aínda no é capaz de andar por si soa. Precisa da axuda das primas, para que a fagan atractiva aos inversores, e este feito redunde en novos avances tecnolóxicos que a fagan rendible por si soa.
Este mesmo camiño foi o que recorreu hai ben poucos anos a eólica.

Agardemos que Ministerio e promotores e poñan a consensuar posturas que redunden nun desenrolo economicamente sostible para esta tecnoloxía, que se desterren aos timadores e que se nos deixe de tomar a todos por primos.

lunes, 5 de abril de 2010

A xunta saca a concurso 2325 MW eólicos


Despois de moito agardar por esta nova, por fin chega. Hoxe podemos dicir que se achegan novos ventos ao sector eólico galego.

O Diario Oficial de Galicia, publicou o pasado mércores a licitación pública de 2.325 megavatios eólicos. Esta licitación estará aberta a presentación dende o vindeiro 19 de abril, ata o 19 de xuño.

Logo da derrogación do decreto eólico que o bipartito quixo sacar cara o fin da lexislatura pasada, o sector eólico, que xa viña dando signos de parólese, entrou nunha espiral de destrución de postos de traballo e deslocalización das inversións.
Con este novo decreto, pretendese reactivar un sector agonizante, que xa perdeu máis de 4.000 postos de traballo.

A primeira vista, podemos observar as características máis importantes este decreto. Principalmente defínese por partir do antigo plan sectorial eólico de Galicia, conservando as anteriores áreas de desenvolvemento eólico, ampliándoas nalgún caso, e reducíndoas noutros.

Non permite que se lle adxudiquen a unha mesma empresa máis de 350 megavatios, aínda que se o plan industrial que leva asociado a concesión, o fai de interese , pódese facer excepcións.

Os criterios de selección do plan industrial son moi variados, centrándose na creación de emprego e na fixación da poboación dentro dos concellos onde se instalen os novos aeroxeradores. Cabe sinalar que a xeito de valoración da comisión que se creará para resolver este concurso, introdúcese un indicador de importancia, o €/MW, isto é, cantos euros se inverten no plan industrial, en función dos MW que se lle adxudiquen á empresa licitadora. Sen dúbida este indicador axudará a axilizar as concesións, e a “redondear” cifras.

Tamén se da un paso máis na administración electrónica, obrigando aos licitadores a facer un rexistro electrónico, dispoñible dende o vindeiro 19 de abril. Os formularios estarán dispoñibles na seguinte ligazón: Consellería de economía e industria.

Por último unha característica, non menos importante, é que reserva 200 megavatios para repotenciar parques antigos, primando a redución de máquinas en parques vellos.

É posible que unha das eivas que se ven a priori, sexa o ter que avalar con 20.000€ por megavatio solicitado ( cun límite de 7.000.000€). Tal é como están as cousas no sector financeiro, este termo pode supor unha eiva para que pequenos e medianos promotores accedan ao concurso.

Se os prazos se cumpren, a remates de ano teremos as concesións definitivas. Vendo o stock de material que hai nos montes e polígonos do país, podemos aventurar que de hoxe nun ano estaremos escavando as primeiras zapatas deste novo concurso.

Pódese descargar a disposición publicada no DOG, na seguinte ligazón: Concurso 2.325 MW eólicos