O petróleo ten os días contados e as consecuencias disto para a civilización industrial serán devastadoras. A crise actual ten unha orixe enerxética da que non se está a falar, pois é mesmo un tabú recoñecido de portas adentro nas institucións internacionais e nos gobernos occidentais. O feito é que a crise... non vai rematar nunca!
Estamos abocados a realizarmos unha urxente e profunda transformación en todos os países industrializados para "abandonarmos o petróleo antes de que el nos abandone a nós", en palabras do economista xefe da Axencia Internacional da Enerxía. E non podemos confiar en que os nosos gobernantes recoñezan o que sucede, alerten á poboación e lideren estas transformacións. Por tanto é hora de tomarmos esta revolucionaria transición civilizatoria nas nosas propias mans. Tamén en Galiza.
Por iso na asociación Véspera de Nada por unha Galiza sen petróleo levamos máis de dous anos preparando esta publicación que quere axudar á sociedade galega a comezar esa imprescindible e profunda transformación no noso modo de vida que nos permita prosperar despois do petróleo. O peak oil ou Cénit do petróleo vai afectarnos a todos e cada un dos galegos e galegas e a mudar radicalmente as nosas vidas. Este libro vai permitir que o fagamos de maneira anticipada e consciente, para evitar o drama social que doutra maneira implicaría un colapso caótico no noso país, e facelo dunha maneira construtiva para erguermos un novo tipo de sociedade que pode ser moito máis xusta e satisfactoria para nós, os nosos fillos e as vindeiras xeracións.
O libro achega unha completa explicación da gravísima situación á que nos expón a fin da Era do petróleo e pon nas mans d@s galeg@s consellos aplicables en todos os terreos da vida particular, familiar e comunitaria, e tamén para as empresas e administracións locais. Concienciados acerca do perigo, e armados coas recomendacións que incluirá este libro, galegas e galegos seremos quen de construír un novo país moito máis autosuficiente e resiliente, capaz de evitar as peores consecuencias do devalar enerxético que xa comezamos a vivir.
Se queredes colaborar: