A opinión de Jeremy Rifkin sobre o autoconsumo.
É só cuestión de tempo. Ás
enerxéticas vailles chegar o seu San Martiño. Xa non poderán
seguir observando fenómenos do pasado como “Napster” sabendo que
o que pasou á industria musical non lles pasará a eles. Estamos
ante o principio do fin dos seus modelo de negocio e non hai volta
atrás. «Se non me cren, miren Alemaña», afirma o economista
Jeremy Rifkin.
«Puxeron en marcha o plan máis
ambicioso até a data para empezar a transición da segunda
revolución industrial, a do petróleo e os hidrocarburos, á
terceira revolución industrial, a da internet nas cousas e os
prosumidores», defendeu onte á noite nun relatorio ofrecido na
Fundación Rafael Del Pino, en Madrid.
O pensador estadounidense referíase a
Energiewende, o plan que o goberno
alemán presentou en 2010 co obxectivo de reducir as emisións nun
90% e conseguir que o 60% das fontes enerxéticas do país sexan
renovables en 2050.
Fonte da imaxe: http://www.autovoltaica.com/blog/ |
Para conseguilo, o goberno puxo o
esforzo en facilitar que os cidadáns tomen a iniciativa. Hai
subvencións para instalar paneis solares e exencións fiscais para
crear cooperativas que xestionan esta creación de enerxía. Pero
sobre todo investimentos que prometen superar o billón de euros na
construción dunha rede que permita xestionar esta transición. A
nación xermana xa xera o 20% das súas necesidades destas fontes e
pronto esa cifra suporá o 30% do total.
Nalgunhas zonas concretas do país, os
resultados están a ser impresionantes. «O pobo bávaro
Wildpoldsried, cunha poboación de 2.600 persoas, foi máis aló do
espírito de Energiewnde: a localidade
produce tanta electricidade do vento e a luz do sol que gaña 5
millóns de euros ao ano vendendo o seu excedente á rede eléctrica»,
explicaba un artigo da revista The National Interest.
«Non estou a falar de suposicións. É
algo que está a pasar aquí e agora. O seguinte é China, que
investirá 82.000 millóns de dólares en crear unha rede que permita
ás persoas xerar a súa propia enerxía», dixo Rifkin.
Para reafirmalo o académico apoiouse
nun artigo publicado en The New York Times o pasado 13 de
setembro que non fai máis que ratificar o que pensa. A reportaxe
revela os problemas que están a ter as eléctricas tradicionais para
adaptarse a esta novo paradigma en Alemaña. Algunhas xa están a
sufrir grandes perdas como é o caso de RWE.
En California a capacidade de
adaptación das startups supón unha competencia feroz ás grandes
eléctricas. Os seus novos rivais están chegado dos lugares máis
inesperados. «En novas barriadas que están a ser edificadas pola
construtora Lennar en California, os compradores que se mudan a unha
casa nova automaticamente reciben un panel solar no seu tellado. A
compañía adoita manter a propiedade sobre os paneis e asina
contratos de 20 anos para vender aos donos de casa a enerxía xerada
nos seus teitos cun desconto do 20% fronte aos prezos das enerxéticas
locais», di o mesmo artigo. Algúns estados, frustrados pola
lentitude do goberno federal, están a optar por tomar as súas
propias medidas. California traballa xa para conseguir que máis do
30% da súa enerxía sexa destas fontes.
Se a isto unímoslle que internet das
cousas permitirá conectar os nosos dispositivos a unha rede
intelixente, o negocio das eléctricas estará máis ameazado aínda.
«Ti poderás escoller cando queres que o aparello se nutra da rede e
cando non. En momentos de picos de prezo, cando as eléctricas
obteñen a maior parte dos seus beneficios, podes programalos para
que se desconecten e pasen á rede hiperlocal», explicaba Rifkin.
Que pasará entón coas eléctricas?
Fonte da imaxe: 3M © 3M. All rights reserved |
«Non desaparecerán por completo.
Teñen que situarse neste novo mercado ofrecendo analítica e
solucións para optimizar todo isto», di o estadounidense. Non o
terán fácil. Empresas como Cisco, Google e Apple levan anos
investindo neste sector.
Os seus servizos seguirán sendo
necesario en eses momentos nos que a demanda das renovables fraquea
debido á dificultade que aínda existe para almacenar a enerxía
eólica e solar. «Pódense buscar fórmulas para pagar ás
enerxéticas para que teñan ás plantas convencionais en standby
para eses momentos nos que o vento non sopra e o sol non brilla»,
afirma o mesmo artigo de The New York Times.
Non todos están tan convencidos do
suposto milagre alemán. En agosto, o Wall Street Journal
sacou un duro artigo no que revelaba as sombras do plan teutón.
Segundo o diario, os prezos subiron moito e xa hai bastantes empresas
que se están reformulando o seu futuro no país. Tampouco se logrou
amornar polo momento as emisións de carbono que seguen a niveis
similares a anos anteriores, afirman.
Rifkin cre que estás críticas só
ven o agora e esquécense do que virá. «Nos anos 70 xerar un watt
de enerxía solar custaba 70 dólares. Hoxe custa 60 céntimos. A lei
de Moore acabará facendo que o custo sexa practicamente cero».
Xunto a isto, a demanda alemá ha contribuído a baixar os prezos e o
interese dos fabricantes chineses para que estas tecnoloxías sexan
cada vez máis baratas e competitivas.
E aquí é onde está o quid da
cuestión do novo libro de Rifkin Asociedade de Custo Marxinal Cero. No momento no que
producir algo custa practicamente nada, as regras do xogo capitalista
cambian por completo. «Algo que os economistas non lograron prever».
É o que pasa cando miles de
estudantes se apuntan a cursos gratuítos online cos mellores
profesores do mundo «e a persoa que pagou 60.000 dólares para a súa
matrícula pregúntase que está a facer» ou cando «miles de mozos
empezan a fabricar un sen fin de cousas con impresoras 3D». Todos
están conectados. Moitos comparten o que fan e aprenden. O custo de
adquirir este coñecemento é practicamente nulo. Cando engadimos
internet das cousas á ecuación as posibilidades multiplícanse.
«En Ann Arbor hai pouco saíu un
estudo que dicía que sería posible desfacerse do 80% dos coches da
cidade sen que iso afectase a mobilidade se se optase por compartir
vehículos sen condutor. Os mozos cada vez están menos interesados
en ter un coche pero si están interesados en compartir. Non lles
importa Adam Smith e moitos nin coñecen a súa existencia. Queren
vivir doutra maneira».
Pero se estamos a falar de que haberá
menos coches e menos produtos debido a estas novas eficiencias, que
pasará coa economía? como se poderán soster países enteiros que
teñen millóns de persoas empregadas neste traballo?
Para Rifkin, que xa tratou os efectos
da automatización do traballo no seu libro “The End of Work”,
a creación da terceira revolución industrial será unha gran fonte
de emprego. «Durante os próximos 30 anos teremos unha cantidade
impresionante de traballos para crear esta rede. Unha vez que isto
estea acabado será máis complicado. Moitos seremos máis libres
para seguir outro tipo de traballos. Para tentar mellorarnos como
seres humanos. Para seguir outros propósitos en lugar de estar
atrapados en traballos rutineiros e repetitivos».
En todo isto, erixirase un sector
crave para o futuro e que será o que máis creza. «O emprendemento
social. Os traballos e empresas que solucionan problemas sociais.
Algunhas estarán creadas para gañar diñeiro, outras non, e moitas
seguirán un modelo mixto de financiamento».
Os datos son inequívocos, segundo di.
«A resposta está na sociedade civil, nas organizacións sen ánimo
de lucro que atenden aquelas cousas que xeramos e compartimos en
comunidade. En termos financeiros, o mundo da ONG é unha forza
poderosa. Os seus ingresos creceron nun 41% de 2000 a 2010,
duplicando o crecemento do PIB. En 2012 este sector acapara o 5,5% do
PIB en EEUU», afirmaba na presentación do seu libro que escribiu
en The New York Times. Isto sen contar o auxe da economía
colaborativa que frecuentemente entra neste terreo.
«Tampouco me vale a crítica que son
parasitos do diñeiro público. Un estudo recente mostra que máis do
50% dos ingresos chegan doutras fontes que non son gobernamentais en
EEUU. Moitas empresas conseguen unha gran parte dos seus ingresos do
estado, así que non están en posición de criticar», ironizaba
Rifkin. «É o único sector que creceu e xerou emprego de maneira
continuada mentres os sectores tradicionais mantéñense estancados».
«O fracking é unha quimera»
Mentres que en Alemaña soben os
prezos enerxéticos, EEUU pasa por un momento doce en canto a prezos
da electricidade. O fracking contribuíu a unha nova febre de ouro
que encheu o país de gas natural barato axudando a reducir a súa
dependencia do petróleo de Medio Oriente. Isto, con todo, é un
espellismo que pronto se acabará, en opinión do tecnólogo. «Xa
hai sinais de que é unha burbulla a piques de estalar. Cada pozo só
ten 18 meses de vida. Estamos muxindo esta fonte de enerxía pero en
2020 comezará a estancarse e entón que?».
En referencia ao estado español,
Rifkin mostrouse decepcionado de que o goberno abandonase a carreira
para reconverter as súas fontes enerxéticas. «Aplaudo que o voso
presidente aposte por unha maior colectividade pero con ADSL e mellor
Wifi non é suficiente».
«O futuro será mixto. Convivirán as
dúas partes. O papel da economía de mercado capitalista reducirase
radicalmente e o demais estará ao servizo da terceira revolución
industrial. O planeta agradeceránolo. É a única maneira que temos
de evitar que o problema do cambio climático acabe sendo unha
catástrofe. E no peor dos casos lévenos á extinción».
E se as empresas e os gobernos sabotan
este cambio como pasou co autoconsumo en España? «Non poderán
facelo. Tentouse frear a revolución empezada por Napster por todos
os medios e non o conseguiron. É imparable».
Agardemos que os vaticinios de Rifkin
e cumpran, e que aínda que sexa por arrastre, o Estado Español teña
que sumarse a esta marea imparable.