jueves, 28 de febrero de 2013

A nova factura da luz que ven a partires de abril


É ben seguro que todos tivemos algún que outro problema coa factura da luz.
A meirande partes destes problemas, radica na obriga que teñen as empresas comercializadoras de electricidade en facer facturas mensuais.
Esta obriga non sería un problema se, mes a mes, se fixese unha lectura mensual do contador. Pero non é así, un mes faise lectura real, e ao mes seguinte faise unha estimación.
Nesta estimación é onde veñen os problemas, posto que, aínda que é un sistema procedementado e regulado, o xeito de aplicalo non sempre concorda coa realidade, e pode ser que nun mes pagues a enerxía consumida en dous.
A efectos de consumo e de contabilidade enerxética, isto non é problema, posto que a fin de ano, vas pagar os kWh que realmente consumes. O problema é de contabilidade doméstica, xa que non sempre se ten dispoñible o capital preciso para facer fronte aos pagos que esixe a compañía eléctrica , aínda que estes sexan estimados.
Legalmente tampouco se pode facer moita cousa, xa que hai dúas resolucións da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas (14 de maio de 2009 e do 24 de maio de 2011) que indican como facer as estimacións.

Pois ben, isto rematou.
A partires do 1 de abril deste ano, xa non se poden estimar as lecturas, hai que facer medicións bimensuais dos contadores.
Isto ben regulado no Real Decreto1718/2012, onde se indican aspectos tan importantes como:
  • A lectura do contador ten que ser bimensual, e por tanto a factura tamén.
  • Se non se pode acceder ao contador, deberase deixar un aviso, sinalando neste o teléfono e a páxina web da compañía encargada de facer a lectura, para que o cliente poida facilitar a medida el mesmo.
  • Se pasados dous meses, o cliente non facilita as lecturas, a compañía poderá facer estimacións, segundo a lexislación vixente.
  • Dase a opción de que se sigan facendo lecturas estimadas, previo consentimento do cliente.
  • Tamén se facilita que as comercializadoras fagan “tarifa plana”, é dicir, que pasen unha cota fixa mensual, e a fin de ano, regularizase.
Dende o meu punto de vista, este RD volta as cousa á normalidade, evitando tramitar unha morea de reclamacións por culpa de estimacións de consumo desproporcionadas.

A opción de seguir facturando mes a mes, cunha mensualidade estimada, e outra real, pode ser positiva para aqueles consumidores que prefiren “amortecer” a factura eléctrica. Poño como exemplo, un consumo de 500 kWh en dous meses, supón unha factura de 111'30€, se esta é bimensual. Se nos fan unha factura estimada, e outra real, poderemos pagar 84,45€ nun mes, e 26,85€ ao mes seguinte (caso máis desfavorable, normalmente, os importes de cada factura deberían ser máis parellos).
Tócalle a cada un valorar se lle interesa esta opción, aínda a costa de levar algún que outro susto nas estimacións. Lémbrovos que para fagan estimacións a partires de abril, hai que acordalo coa comercializadora, non será de xeito automático.



O sistema de “tarifa plana”, pode resultar atractivo, dende o punto de vista da previsión do gasto doméstico. Sabemos certamente o que imos pagar cada mes, sen preocuparnos de consumos nin estimacións. Agora ben, a fin de ano hai que regular as facturas, e podemos levar sorpresas desagradables.
Dende o meu punto de vista, o sistema de tarifa plana, sácanos de diante un factor primordial, como é o coñecemento do consumo. Seguro que ningún de vos sabe o que consume cada mes, pero cando unha factura da luz se sae do normal, corremos a apagar as luces.
Se temos que agardar a fin de ano para coñecer o consumo do noso fogar, vai ser moi tarde para rectificar, xa non teremos tempo de apagar as luces, e teremos que pagar tódolos excesos cometidos.
Tamén hai que sumar unha dificultade engadida a todo isto. Sabemos que a tarifa de último recurso cambia cada tres meses, e moitas veces incluso se ve alterada por sentencias xudiciais e outros factores, por tanto, chegado fin de ano, revisar a correcta aplicación de cada prezo, no seu tramo temporal, pode ser un traballo de chinos.

A comercializadora vaivos mandar unha carta, xunto coa factura de febreiro, ou marzo, onde vos explicaran, máis ou menos, o que vos acabo de contar.
A carta é esta:

Carta informativa relativa á entrada en vigor da facturación bimestral
Informámolo de que o pasado día 15 de febreiro entrou en vigor o Real decreto 1718/2012, do 27 de
decembro, polo que se determina o procedemento para realizar a lectura e a facturación das subministracións de enerxía en baixa tensión con potencia contratada non superior a 15 kW.
De acordo con este, a facturación da enerxía que consuma a partir do 1 de abril de 2013 pasará a realizarse cunha periodicidade bimestral en lugar de mensualmente como ata a data, e a partir de lecturas reais dos seus consumos.
Naquelas subministracións en que o contador non estea accesible, a empresa distribuidora que debe realizar a lectura deberalle deixar un aviso de imposible lectura. Se este é o seu caso, vostede poderá proporcionar a lectura do dito equipamento directamente a través do teléfono ou da páxina web que se indique no dito aviso.
Adicionalmente, vostede poderá acordar, de maneira expresa, coa empresa comercializadora a realización de facturacións mensuais baseadas en consumos reais e estimados ou ben a facturación dunha cota fixa mensual e unha regularización anual posterior.
Por último, indícaselle que no futuro, cando os novos equipamentos de medición con capacidade de telexestión se integren nos correspondentes sistemas de telemedición, a lectura e facturación se realizarán cunha periodicidade mensual.
Esta comunicación ten carácter informativo.

Á espera de lle ofrecer mellor servizo, reciba un cordial saúdo.
Asdo.:……………………………………
(Nome da empresa comercializadora).