miércoles, 11 de junio de 2014

Electricidade. Sube, sube, sube.....

Dende que se publicou o primeiro borrador que regula a tarifa PVPC, antiga TUR, veño vaticinando unha escalada de prezos, no mercado diario, que repercutirían directamente en dita tarifa PVPC.

Isto no é porque eu teña superpoderes, ou xogue a ser un mentalista, abonda con tirar de hemeroteca, e ver cal foi, no ano 2009, a resposta do mercado á implantación da Tarifa de Último Recurso (TUR).

O xogo do oligopolio eléctrico, está moi claro. As mesmas empresas que son as responsables de comercializar a tarifa regulada (PVPC) teñen copado un 80% do mercado doméstico, e tamén comercializan en mercado libre.
Este xogo é permitido, e nalgún caso promovido polo propio ministerio de industria

Por que motivo, sen unha regulación firme e clara, estas compañías ían permitir un prezo diferente na tarifa PVPC, e no mercado libre?
Non ten sentido, eles controlan o Pool, e é o propio Pool quen fixa o PVPC. Branco e en botella...

Aínda así, podemos pensar que a escalada de prezos que ven a experimentar o Pool nos últimos meses, obedece a causas “normais”, como a estacionalidade ou a propia demanda; vexamos pois.

Os primeiros meses do ano foron excepcionalmente bos con respecto aos prezos da electricidade: tivemos abundantes choivas e ventos que mantiveron baixo control o mercado almacenista (afundíndoo puntualmente en determinadas ocasións), pero dende Maio as cousas cambiaron e estamos en plena carreira de prezos alcistas!



Comportamento de OMIE (Pool) respecto de eventos. Fonte: ANAE

Os prezos do PVPC de Maio foron uns 16,9 % superiores aos de Abril, mentres que no mercado Spot (OMIE) a diferenza foi máis drástica aínda, subindo un 61,1%.

Unha vez máis, demasiadas coincidencias

A razón desta impresionante suba témola no mercado almacenista e na indispoñibilidade coincidente no tempo dunha importante cantidade de carga base:

> O pasado 3 de Maio desconectouse a central nuclear de ASCÓ I para a súa 23ª carga de combustible. Esta é unha parada programada e planificada e deixou fora de dispoñibilidade 1 GW de carga base ao sistema. A día de hoxe (9/06) aínda non se reconectou.

> O pasado 23 de Maio desconectouse a central de Trillo para a súa 26ª carga de combustible. Tamén se perderon 1 GW de carga base e até finais de Xuño non se prevé a súa reconexión.
Entre as dúas centrais paradas, deixáronse de producir uns 1.500 GWh por esta tecnoloxía.

> En maio definitivamente pechouse a billa da enerxía hidráulica e a produción descendeu nada menos que un 44,5% pasando dos 4.576 GWh de Abril a tan só 2.540 GWh de Maio, isto é outros 2.036 GWh non consumidos por esta tecnoloxía.
O oco deixado por estas indispoñibilidades supliuse principalmente con tecnoloxía de Carbón, máis barata que o uso do Gas Natural nos ciclos combinados pero que xera uns niveis de emisións prexudiciais para o medioambiente moi altos, como así denunciou recentemente WWF: o incremento de CO2 con respecto ao mesmo mes de Maio de 2013 foi dun 32,5% aumentando tamén moi notablemente outro tipo de contaminantes como o SO2 (Dióxido de Xofre) e os NOx (óxidos nitrosos).



Evolución da xeración de electricidade. Fonte REE

A produción eólica, a outra gran tecnoloxía capaz de modificar substancialmente os prezos almacenistas, para os meses de Abril e Maio foron moi similares.

O certo é que os meses estivais que se aveciñan son nos que, estatisticamente, increméntanse os prezos da electricidade ao coincidir con épocas de menor produción eólica e hidráulica, pero o cambio ocorrido de Abril a Maio foi demasiado brusco e máis vendo que houbo practicamente o mesmo recurso eólico e hidráulico (a porcentaxe de producible hidráulico a finais de Abril era do 77,4% mentres que o de finais de Maio era o mesmo 77,4% !).

O que está a ocorrer no mercado almacenista é moi siemellante ao que pasou en decembro do 2013, feitos que a CNMC prometeu esclarecer mediante unha investigación e posterior informe, aínda sen ver a luz 6 meses despois.
Non máis coincidencias.

Merece que nos preguntemos porque non se programan as recargas nucleares, de xeito que non se coincidan as paradas de diferentes centrais; así como un maior control sobre o producible hidráulico para que non haxa estes cambios tan abruptos, habendo producible e ademais coincidindo con outras indispoñibilidades.

A reforma pendente do mercado almacenista que ten pendente realizar o goberno, sería un marco idóneo para incluír esta solicitude, outorgando os poderes necesarios para iso a Rede Eléctrica, o Consello de Seguridade Nuclear, as Confederacións Hidrográficas, pequenas comercializadoras, cooperativas de consumidores de electricidade, ou calquera actor implicado e pondo como premisa principal, o menor prezo posible do mercado almacenista.

Visto isto, non podemos máis que constatar a desprotección do consumidor diante dos poderes oligopólicos. E cando falo de consumidores, non me estou a referir so aos domésticos. PEMEs, comercio, explotacións agrícolas... en definitiva, todo o país está sufrindo a tiranía das eléctricas, namentres o ministro Soria, e o mesmo Rajoi, miran para outro lado.

Pero que ninguén se preocupe, o xoves 12, empeza o mundial!!


No hay comentarios:

Publicar un comentario