viernes, 16 de septiembre de 2016

Muras Mon Amour

Moi coñecida esa frase, referida aos concellos, de que son “a administración máis achegada á xente”, polo que son, ou deben de ser a primeira liña da loita dos servizos sociais. A punta de lanza que ten que dar a primeira resposta sobre as necesidades da veciñanza.

A miúdo isto non se cumpre, e vemos casos de desleixo, de desamparo, de falta de compromiso, ou de exceso de burocracia, que provocan que non se cubran as necesidade básicas das persoas ou servizos que a administración debe de soportar.
Do medio da faldra do Xistral, xorde un exemplo de compromiso político, dende o concello, coa súa veciñanza.

Muras, un concello de menos de 700 habitantes, ven de aprobar unha ordenanza revolucionaria.
Axuda ao pagamento da factura da luz a todos os veciños e veciñas






O goberno municipal do BNG, ven de artellar as bases para que a veciñanza de Muras poida ter un apoio dende o concello para pagar a factura da luz.

“Se nos montes de Muras temos case 400 aeroxeradores, dalgunha maneira ten que reverter no conxunto das veciñas e veciños”. Esta é un dos motivos que o alcalde do BNG, Manuel Requeijo, esgrime para facer ver cal é o espírito desta ordenanza.

As bases desta axuda contemplan tramos que van dende 200€ ata 500€ ao ano, segundo o nivel de renda da familia que solicite.
Tamén se contempla axudas para o comercio, e a pequena industria.
Para evitar que, o abaratamento do recibo, provoque un incremento do consumo, tamén se establecen límites para o mesmo.

Ao marxe de ser unha axuda económica directa sobre o consumo enerxético; esta medida tamén pretende ser un antídoto contra a pobreza enerxética, incidindo con máis intensidade naqueles casos que máis o precisan.
Tamén é un activo para que Muras se converta nun polo de atracción para futuros veciños, co que se pretende aumentar o censo, de xeito directo ou indirecto.
Pero tamén é un incentivo á economía local de proximidade, permitindo aos pequenos e medianos comerciantes, ter un alivio na súa conta anual, o cal de seguro axuda a non pechar comercios, nunha área onde as grandes superficies non teñen implantación.... nin se agarda por elas.

En definitiva, unha excelente iniciativa, dun goberno do BNG ao que non lle tremou o pulso á hora de enfrontarse ao lobi enerxético. Que permite visualizar practicamente as ferramentas que se precisan para construír país.
Valente exemplo de xestión, e bo facer, práctica directa que conecta coa iniciativa política do partido do grupo de goberno, que no seu programa electoral conta cunha proposta de “Tarifa Eléctrica Galega”.

Agardemos que non se trate dun caso illado, e que este exemplo se replique no resto dos concellos da nosa terra.

Dende este blogue, queremos felicitar publicamente ao grupo de goberno do concello de Muras.

Para descargar a ordenanza pica acó
Para ver os anexos das bases pica acó



No hay comentarios:

Publicar un comentario