miércoles, 11 de junio de 2014

Electricidade. Sube, sube, sube.....

Dende que se publicou o primeiro borrador que regula a tarifa PVPC, antiga TUR, veño vaticinando unha escalada de prezos, no mercado diario, que repercutirían directamente en dita tarifa PVPC.

Isto no é porque eu teña superpoderes, ou xogue a ser un mentalista, abonda con tirar de hemeroteca, e ver cal foi, no ano 2009, a resposta do mercado á implantación da Tarifa de Último Recurso (TUR).

O xogo do oligopolio eléctrico, está moi claro. As mesmas empresas que son as responsables de comercializar a tarifa regulada (PVPC) teñen copado un 80% do mercado doméstico, e tamén comercializan en mercado libre.
Este xogo é permitido, e nalgún caso promovido polo propio ministerio de industria

Por que motivo, sen unha regulación firme e clara, estas compañías ían permitir un prezo diferente na tarifa PVPC, e no mercado libre?
Non ten sentido, eles controlan o Pool, e é o propio Pool quen fixa o PVPC. Branco e en botella...

Aínda así, podemos pensar que a escalada de prezos que ven a experimentar o Pool nos últimos meses, obedece a causas “normais”, como a estacionalidade ou a propia demanda; vexamos pois.

Os primeiros meses do ano foron excepcionalmente bos con respecto aos prezos da electricidade: tivemos abundantes choivas e ventos que mantiveron baixo control o mercado almacenista (afundíndoo puntualmente en determinadas ocasións), pero dende Maio as cousas cambiaron e estamos en plena carreira de prezos alcistas!



Comportamento de OMIE (Pool) respecto de eventos. Fonte: ANAE

Os prezos do PVPC de Maio foron uns 16,9 % superiores aos de Abril, mentres que no mercado Spot (OMIE) a diferenza foi máis drástica aínda, subindo un 61,1%.

Unha vez máis, demasiadas coincidencias

A razón desta impresionante suba témola no mercado almacenista e na indispoñibilidade coincidente no tempo dunha importante cantidade de carga base:

> O pasado 3 de Maio desconectouse a central nuclear de ASCÓ I para a súa 23ª carga de combustible. Esta é unha parada programada e planificada e deixou fora de dispoñibilidade 1 GW de carga base ao sistema. A día de hoxe (9/06) aínda non se reconectou.

> O pasado 23 de Maio desconectouse a central de Trillo para a súa 26ª carga de combustible. Tamén se perderon 1 GW de carga base e até finais de Xuño non se prevé a súa reconexión.
Entre as dúas centrais paradas, deixáronse de producir uns 1.500 GWh por esta tecnoloxía.

> En maio definitivamente pechouse a billa da enerxía hidráulica e a produción descendeu nada menos que un 44,5% pasando dos 4.576 GWh de Abril a tan só 2.540 GWh de Maio, isto é outros 2.036 GWh non consumidos por esta tecnoloxía.
O oco deixado por estas indispoñibilidades supliuse principalmente con tecnoloxía de Carbón, máis barata que o uso do Gas Natural nos ciclos combinados pero que xera uns niveis de emisións prexudiciais para o medioambiente moi altos, como así denunciou recentemente WWF: o incremento de CO2 con respecto ao mesmo mes de Maio de 2013 foi dun 32,5% aumentando tamén moi notablemente outro tipo de contaminantes como o SO2 (Dióxido de Xofre) e os NOx (óxidos nitrosos).



Evolución da xeración de electricidade. Fonte REE

A produción eólica, a outra gran tecnoloxía capaz de modificar substancialmente os prezos almacenistas, para os meses de Abril e Maio foron moi similares.

O certo é que os meses estivais que se aveciñan son nos que, estatisticamente, increméntanse os prezos da electricidade ao coincidir con épocas de menor produción eólica e hidráulica, pero o cambio ocorrido de Abril a Maio foi demasiado brusco e máis vendo que houbo practicamente o mesmo recurso eólico e hidráulico (a porcentaxe de producible hidráulico a finais de Abril era do 77,4% mentres que o de finais de Maio era o mesmo 77,4% !).

O que está a ocorrer no mercado almacenista é moi siemellante ao que pasou en decembro do 2013, feitos que a CNMC prometeu esclarecer mediante unha investigación e posterior informe, aínda sen ver a luz 6 meses despois.
Non máis coincidencias.

Merece que nos preguntemos porque non se programan as recargas nucleares, de xeito que non se coincidan as paradas de diferentes centrais; así como un maior control sobre o producible hidráulico para que non haxa estes cambios tan abruptos, habendo producible e ademais coincidindo con outras indispoñibilidades.

A reforma pendente do mercado almacenista que ten pendente realizar o goberno, sería un marco idóneo para incluír esta solicitude, outorgando os poderes necesarios para iso a Rede Eléctrica, o Consello de Seguridade Nuclear, as Confederacións Hidrográficas, pequenas comercializadoras, cooperativas de consumidores de electricidade, ou calquera actor implicado e pondo como premisa principal, o menor prezo posible do mercado almacenista.

Visto isto, non podemos máis que constatar a desprotección do consumidor diante dos poderes oligopólicos. E cando falo de consumidores, non me estou a referir so aos domésticos. PEMEs, comercio, explotacións agrícolas... en definitiva, todo o país está sufrindo a tiranía das eléctricas, namentres o ministro Soria, e o mesmo Rajoi, miran para outro lado.

Pero que ninguén se preocupe, o xoves 12, empeza o mundial!!


miércoles, 7 de mayo de 2014

Sobre as mentiras do concurso eólico

Arqueoloxía da mentira

Lembran os lectores e as lectoras aquel famoso concurso eólico do bipartito?  Se cadra xa non... pasaron cinco anos e os ventos sopraron tan forte que deixaron Galiza desfeita por unha dereita insensíbel e totalmente antigalega. Se xa a memoria comeza a refrescarse,  retomemos a imaxe do Feijóo candidato construíndo a grande mentira sobre o eólico e facendo dela parte dunha precampaña electoral na que todo valía, todo.
"O grande pecado daquel concurso foi mudar o modelo fragiano de expolio dos recursos naturais galegos por empresas estranxeiras -até un 90% no sector eólico- por un modelo baseado na participación pública". 
O grande pecado daquel concurso foi mudar o modelo fragiano de expolio dos recursos naturais galegos por empresas estranxeiras -até un 90% no sector eólico- por un modelo baseado na participación pública. Seguramente non sería un concurso perfecto mais buscaba que as posibilidades enerxéticas da nosa terra repercutiran na mesma. Efectivamente grande pecado. De feito o entón deputado e hoxe Director xeral de enerxía, Bernardo Tahoces, afirmaba cousas como a seguinte e que recolle o diario de sesión do Parlamento: “ (…) vostedes apostan por parques eólicos, parques eólicos nos que se desenvolverá proxectos industriais complementarios, pero proxectos industriais que serán desenvolvidos precisamente no territorio, no lugar, onde estes parques eólicos están radicados. Na súa consecuencia localismo, pequena dimensión, pouca rendibilidade social e pouca rendibilidade económica”.
Fronte ao modelo apegado ao territorio chegou o modelo Feijóo. O modelo apegado ás grandes eléctricas. Esas que teñen grandes portas xiratorias para a xubilación de políticos do bipartidismo estatal, esas mesmas que teñan portas moi estreitas para os que non poden pagar as facturas e sofren cortes de luz sen piedade. O modelo de Feijóo supuxo unha lei no 2009 e un posterior concurso eólico, mais o que realmente significou foi a absoluta paralización do sector. Este tiña en 2008 2.973 MW de potencia instalada, só superada por Castilla-La Mancha con 3.142 MW. Cinco anos despois Galiza tamén é superada en potencia instalada por Castilla-León. Aínda sendo máis eficiente o sector en Galiza porque hai máis vento, tamén nestes cinco anos Galiza perdeu posicións. Xa que logo, no grupo dos catro territorios con máis potencia eólica instalada -máis de 3.000 MW- Galiza é que a menos medrou desde 2008. Os datos son escandalosos, consecuencia directa de que nestes cinco anos tan só se autorizaron tres parques que suman un total de 60 MW, e mantivéronse nin máis nin menos que case 400 MW autorizados sen construír. Velaí a realidade para os que pidan empirismo para poder opinar.
"Despois de mudar un concurso eólico por sectarismo político agora plantexa unha modificación da lei do 2009 e recoñece por escrito que non ten impacto na economía de Galiza".
Ante esta situación a doutrina Feijóo non implica recoñecer o fracaso, non implica facerlle fronte ao PP de Madrid que destroza lexislativamente o sector en Galiza. A doutrina Feijóo versa na procura dun novo titular mediático sobre o eólico a base dunha modificación da lei do 2009 ao tempo que libera ás empresas adxudicatarias de facer fronte aos avais para desprazalos ao momento da obra. As propias memorias xustificativas que a acompañan ao expediente recoñecen que a modificación non terá ningún impacto na economía galega e que por iso o CES non elaborou ditame. En concreto o goberno recoñece nesta memoria: “que non se trata dunha materia directamente vinculada ó desenvolvemento económico e social de Galicia”. Como? O PP en estado puro. Despois de mudar un concurso eólico por sectarismo político agora plantexa unha modificación da lei do eólico do 2009 e recoñece por escrito que non ten impacto na economía de Galiza. Menos mal que na exposición de motivos afirma que é un sector estratéxico!
Se alguén tivese vagar e ansia para realizar unha arqueoloxía do non-saber eu propoño que sexa monográfico sobre o sector eólico en Galiza. De como se pode convencer a unha poboación da súa pobreza cando exporta un 30% de media anual de electricidade, cando ten un potencial enorme para as enerxías renovábeis, cando os gastos en transporte e distribución podería ser mínimo. Supoño que é posíbel porque tecer unha mentira mil veces repetida interesa a quen se beneficia dos recursos naturais de Galiza a cambio do pago dun escaso canon eólico.
Hai presidentes que regalan a súa terra e o edulcoran con lexislación. De ter memoria esta nación...

Autora: Carme Adán
Medio: Sermos Galiza

martes, 1 de abril de 2014

O novo recibo da luz

Antes de nada, termos que debemos coñecer:

PVPC = Prezo voluntario para o pequeno consumidor. Tarifa que regula dende o Ministerio de Industria para promover un “prezo razoable” da enerxía eléctrica para os pequenos consumidores. Este termo era chamado “tatifa de último recurso (TUR)” ata o de agora.

Comercializadora de referencia = Compañía eléctrica á que se lle permite vender o PVPC, anteriormente nomeadas como “Comercializadora de Último Recurso (CUR)”. Actualmente son:

É posible que se incorporen máis empresas antes de rematar o presente ano.

Tarifa de Último Recurso (TUR) = Prezo protexido para consumidores declarados vulnerables. Será un 25% máis barato ca o PVPC.

Contador intelixente ou Smart Meter = Novo equipo de medida da enerxía eléctrica, é de obrigada instalación, ben por pare dos usuarios, se é en propiedade, ou por parte das empresas distribuidoras se é alugado. Débese de cambiar antes do 2018.




Coa publicación do Real Decreto 216/2014 dáse o pistoletazo de saída ao novo sistema de determinación da tarifa eléctrica, e á integración dos contadores intelixentes “smart meters” no sistema eléctrico do estado Español.

Este novo sistema de facturación vai supor unha autentica revolución para os consumidores domésticos.
Por unha banda, deixamos de lado o concepto de “prezo único”, pasando a pagar cada hora a un prezo distinto. E por outro lado, camiñase cara a liberalización total do sistema, introducindo novas empresas de comercialización, e a implantación definitiva dos contadores intelixentes.
Por que se estimula a implantación do prezo por hora? Porque segundo o goberno, podemos chegar a aforrar un 13%, iso si, temos que acomodar os consumos enerxéticos ás horas en que a enerxía é máis barata, isto é, case sempre de madrugada.

A implantación deste real decreto pasa por diversas fases, imos ver cales son:

Primeiro período. De xaneiro a marzo de 2014

Actualmente, e tras a decisión do goberno de anular a poxa, está a facturarse a razón dun prezo intervido de 48,48€/MWh, que é provisional. A partir de abril facturarase en función do prezo medio do pool durante o primeiro trimestre que está a ser moi inferior. Prevese un peche de mercado ao redor de 34€/MWh, o que suporá unha devolución de ao redor dun 12% do facturado de xaneiro a marzo. A candidade final a devolver, será calculada pola Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC), antes do 15 de maio, polo que a devolución será efectiva coa factura do mes de xuño, ou xullo, segundo proceda.

Segundo período. De abril a xuño de 2014

Se a nosa empresa de referencia está adaptada ao sistema de tarificación por horas, caso pouco probable, empezaremos a pagar por horas, de non ser así, facturarase igual que no primeiro trimestre, tanto en prezo como en xeito, pero seguirá sendo de forma provisional ata que a empresa de referencia adapte os seus sistemas.
Se neste período se dese o caso de que o prezo provisional, resultase máis alto que o que a metodoloxía establecese, tamén se terá que facer unha regularización, tal e como se vai facer en xuño.

Terceiro período. De xuño de 2014 en adiante.

 Red Eléctrica de España E-SiosA partir de xuño as comercializadoras de referencia terán adaptados os seus sistemas informáticos á nova metodoloxía e o prezo dependerá do día concreto.
Na web de Red Eléctrica poderase coñecer o prezo final que se aplicará en cada hora do día seguinte.
Se non dispoñemos de contador intelixente, ou este non está integrado na rede, a discriminación do noso consumo por horas vaise facer en base a uns coeficientes que calcula e publica a propia Rede Eléctrica, polo que pouco vai importar que poñamos a lavadora de madrugada.
Como se calculan os coeficientes de discriminación horaria? Pois en base a unha disposición do ano 2007, onde se definen os consumidores tipo.

Red Eléctrica de España E-Sios


Táboa de coeficientes a aplicar para determinar a porcentaxe de enerxía a facturar en cada hora. Perfil A corresponde a un consumidro doméstico normal. Perfíl B, o mesmo consimidor doméstico, pero con discriminación horaria, e perfil D no caso de que teña tarifa de recarga de vehículo eléctrico.

Cuarto período. Tras integración efectiva de contadores

Unha vez finalizado o período de integración efectiva de contadores, o usuarios que dispoñan dun, poderán optar pola tarifa con discriminación horaria pero farano a cegas porque descoñecerán os datos do seu consumo en tempo real e terán que aceptar a repartición de consumo que lles proporcione a súa compañía distribuidora.
Este comentario, non é gratuíto, xa que para o común dos mortais, é practicamente imposible coñecer como están consumindo a súa enerxía, mirando directamente o contador.

Como “medida de seguridade” a CNMC creará unha ferramenta informática que permita contrastar os prezos que nos aplican nas facturas.
Asemade tamén publicaran os prezos que ofertan as comercializadoras de referencia como alternativa a prezo fixo (seguinte punto).

Alternativa

A alternativa do prezo fixo, que deberán ofrecer as comercializadoras de referencia, pode ser unha solución ante tanto barullo, pero serán previsiblemente máis caras e terán cláusulas de penalización se o contrato se resolve antes de que transcorra o período dun ano fixado no mesmo.


Pode ser que finalmente, este sexa un sistema que permita que os prezos da tarifa eléctrica sexan accesibles , pero non todo son luces neste sistema, existen moitas sombras.

Luces:
  • Págase o prezo da electricidade, sen que interveñan actores secundarios alleos ao sistema, como pasaba no caso das poxas CESUR.
  • Non existirá máis déficit de tarifa, posto que se paga o custe real de mercado.
  • Cunha boa xestión enerxética, o usuario resultará beneficiado da aplicacións dos prezos por horas

Sombras:
  • Non se coñece o prezo do día seguinte, ata as 20:00 horas do día anterior.
  • O acceso do consumidor ás medidas do contador, directamente, non é posible.
  • Para coñecer o prezo, perfil aplicado e demais termos, é preciso unha conexión a internet e certos coñecementos técnicos, o que impedirá a gran parte da poboación acceder aos datos.
  • Dáse por sentado que o financiamento do mercado é transparente, e que funciona con competencia real. Nada máis lonxe do que sucede día a día no OMIE, onde os cinco grades grupos seguen a impoñer a súa lei.
  • Dentro da tarifa inclúense tódolos temos de pexes que son dificilmente xustificables, caso da moratoria nuclear, ininterrumplibilidade, etc.
  • A implantación deste sistema pode provocar desaxustes no mercado, entre produción e consumo real. Non é que exista xustificación técnica algunha, pero cada vez que se modifican os procedementos cruzados entre OMIE e REE, sempre pasa algo, e este algo, rematamos por pagalo os consumidores. Podedes observar que nas últimas datas, e especialmente hoxe (01/04/2014) o desvío entre demanda prevista e programación é moi relevante.



Nesta captura de pantalla, pódese observar a diferencia entre a enerxía prevista (verde) e a programada (vermella).

Existen outras alternativas para fuxir deste lio no que nos meten cada día, sempre se pode saír a mercado libre, buscando ofertas que nos favorezan.
Persoalmente, dado a súa natureza de economía social e empresa do pais, eu decántome por Nosa Enerxía.

 Nosa Enerxía



Esta é unha cooperativa, de orixe galego, que botará a andar proximamente. Na miña opinión, merece a pena apostar por este tipo de empresa.

Ides recibir unha carta, xunto coa factura de abril, ou maio, como esta:


viernes, 15 de noviembre de 2013

Presentación "A Factura Eléctrica"

Deivos nesta entrada a presentación que estou a facer polas comarcas de Ferrolterra e Eume sobre a factura eléctrica.


Con este PowePoint intento alertar sobre os erros máis frecuentes que cometen as compañías eléctricas.
Tamen informamos sobre dos perigos dos contadores intelixentes, ou do que pode supoñer rebaixar a potencia, para pagar menos na factura da luz.

lunes, 7 de octubre de 2013

Guía para o descenso enerxético



O petróleo ten os días contados e as consecuencias disto para a civilización industrial serán devastadoras. A crise actual ten unha orixe enerxética da que non se está a falar, pois é mesmo un tabú recoñecido de portas adentro nas institucións internacionais e nos gobernos occidentais. O feito é que a crise... non vai rematar nunca!
Estamos abocados a realizarmos unha urxente e profunda transformación en todos os países industrializados para "abandonarmos o petróleo antes de que el nos abandone a nós", en palabras do economista xefe da Axencia Internacional da Enerxía. E non podemos confiar en que os nosos gobernantes recoñezan o que sucede, alerten á poboación e lideren estas transformacións. Por tanto é hora de tomarmos esta revolucionaria transición civilizatoria nas nosas propias mans. Tamén en Galiza.
Por iso na asociación Véspera de Nada por unha Galiza sen petróleo levamos máis de dous anos preparando esta publicación que quere axudar á sociedade galega a comezar esa imprescindible e profunda transformación no noso modo de vida que nos permita prosperar despois do petróleo. peak oil ou Cénit do petróleo vai afectarnos a todos e cada un dos galegos e galegas e a mudar radicalmente as nosas vidas. Este libro vai permitir que o fagamos de maneira anticipada e consciente, para evitar o drama social que doutra maneira implicaría un colapso caótico no noso país, e facelo dunha maneira construtiva para erguermos un novo tipo de sociedade que pode ser moito máis xusta e satisfactoria para nós, os nosos fillos e as vindeiras xeracións.


O libro achega unha completa explicación da gravísima situación á que nos expón a fin da Era do petróleo e pon nas mans d@s galeg@s consellos aplicables en todos os terreos da vida particular, familiar e comunitaria, e tamén para as empresas e administracións locais. Concienciados acerca do perigo, e armados coas recomendacións que incluirá este libro, galegas e galegos seremos quen de construír un novo país moito máis autosuficiente e resiliente, capaz de evitar as peores consecuencias do devalar enerxético que xa comezamos a vivir.
Se  queredes colaborar:

viernes, 6 de septiembre de 2013

Definitivamente, isto é unha risa


Buscando hoxe o último prezo da enerxía eléctrica, mirei na páxina de Iberdrola. Xa sei que estas cousas hai que miralas no BOE, pero a páxina desta eléctrica, é moito máis rápida de mirar.
Unha vez atopado o dato, vexo algo que me chama a atención. Cítase que a publicación da norma é o 3 de agosto, e a entrada en vigor o 1 de agosto. Norma con efecto retroactivo????. Home, non é unha novidade no país, pero chama a atención.



Propóñome un pequeno exercicio, buscar a norma e comprobar cal é a súa entrada en vigor. Pois ben:


Referido á entrada en vigor da mesma, dícese no seu apartado segundo:
"Lo dispuesto en el apartado primero de la presente resolución será de aplicación para los consumos efectuados a partir de las 0 horas de la fecha de entrada en vigor de la Orden de 1 de agosto de 2013 por la que se revisan los peajes de acceso de energía eléctrica para su aplicación a partir de agosto de 2013 y por la que se revisan determinadas tarifas y primas de las instalaciones del régimen especial para el segundo trimestre de 2013."
Por tanto, faise preciso buscar a mencionada orde do 1 de agosto. Non é nada difícil, pois está publicada no mesmo BOE con número IET/1491/2013.
Se buscamos nesta orde cando entra en vigos, dice na disposición final segunda: "La presente orden entrará en vigor el mismo día de su publicación en el «Boletín Oficial del Estado»"

Logo se, a orde IET/1491/2013 entra en vigor o mesmo día da súa publicación, entón entra en vigor o sábado 3 de agosto, entón os prezos aos que fai referencia a web de Iberdrola, tamén entran en vigor ás 0 horas do día 3 de agosto, Contrariamente ao que se manifesta na súa web.

Non sei se isto é un erro, ou polo contrario é unha manifestación dun feito. Ousexa "toda unha risa".
De tódolos xeitos, os que sexades clientes da eléctrica vasca, tede tino coa próxima factura, xa que poden aplicarvos os novos precios con dous días de retroactividade.

En caso de que sexa un erro, e se rectifique, estarei encantado de publicalo neste espazo. Aínda que non teño esperanzas de que así sexa.

De como estas novas reformas nos afectan como consumidores, farei unha análise máis adiante.