martes, 16 de agosto de 2011

Non hai equidade no sector eléctrico

Reproducimos integramente un artigo de Jumanji Solar. Moi breve, conciso e interesante:

Unha das primeiras consecuencias da "liberalización" do sector eléctrico de 1997 foi unha suba do 4,5% na tarifa eléctrica para que as compañías puidesen recuperar integramente os investimentos que realizaran en nucleares, hidroeléctricas e térmicas de carbón. E é que as regras do xogo cambiaran. Por certo, segundo o Ex Ministro de Industria Joan Clos, os consumidores pagamos 2.500 millóns de € en exceso dos que nada se sabe.
A finais de 2010 había 27.000 MW de potencia en Ciclos Combinados de Gas conectados á rede, é dicir 18.000 MW máis do que estaba planificado en 2002. O actual Ministro de Industria Sebastián advertiu que as empresas privadas que acometeron estes investimentos debían responsabilizarse dos riscos nos que incorrían, pero finalmente decide mellorar a "axuda" para compensar a escasa rendibilidade do investimento que está a ofrecer este sobredimensionamento: 730 millóns de € anuais en concepto de axudas ao investimento e pagamentos por capacidade.
Aprobáronse a principios de 2011 axudas ao carbón por valor de 700 millóns de € para estes 2 anos. Este sector sen ningún futuro recibiu 16.000 millóns de € en 15 anos en forma de subvencións á produción e non á súa reestruturación.
Para paliar o déficit de tarifa, que xa ascende a máis de 20.000 millóns de € incrementándose nos últimos tempos a un ritmo de case 5.000 millóns anuais, decídese contravir o precepto de seguridade xurídica aplicando medidas retroactivas á xeración eléctrica coa tecnoloxía máis democratizada, a solar fotovoltaica, coa finalidade de aforrar 650 millóns de € anuais ata 2013.
Co sector monopolizado, cárgase sobre os consumidores eventuais futuras perdas que o cambio das regras do xogo puideran ocasionar ás grandes corporacións. E cando o sector se empeza a liberalizar, non se dubida en cambiar as regras do xogo para prexudicar aos pequenos actores que acaban de irromper. Por canto tempo se pensa perpetuar este modelo?